Os asistentes vendo os barcos antes da saída
A III Concentración de Clásicos, celebrada na Enseada da Lanzada, e organizada polo Club Náutico San Vicente coa colaboración da Asociación de Amigos da Dorna Meca, resultou este ano un éxito que esperemos que se confirme na vindeira edición na que non deberían fallar barcos coma o Industrial ou o Cortegada que, daquela, xa estarán, seguramente, completamente armados.
A Sara entre o Evangelina e A Nova Jorita
Na regata os da Sara O erramos na estratexia: quixemos saír á busca de vento cara ó Oeste e perdemos un tempo extraordinario, mentres as outras embarcacións ían de empopada cara ó Camouco. Cando chegamos ó faro so quedaban detrás de nós o Evanxelina de Rianxo, o Garabullo de Viveiro e o Nordik. Dende a Faxilda intentamos alcanzar ó Naia, despois elixido o máis fermoso polos participantes, pero non fomos quen.
Á nosa falla de pericia xuntouse que os ventos eran absolutamente febles, 2, 3, 4, 5 e, como moito, 6 nós, de xeito permanente, e penso que a Sara O precisa de mais vento para render ben. Pero o que interesa foi que se ofreceu un espectáculo moi interesante nas augas da Lanzada, onde as praias do Xeixeliño, Area da Crus, Paxareiros e Lanzada foron unhas tribunas privilexiadas para observar a regata.
A organización ten pensado, para o vindeiro ano, organizar un concurso de fotografía para a xente que estea nesas praias, que remitirá as fotos por vía electrónica e darase o premio coincidindo coa entrega de trofeos da regata.
En resumo: imos aprendendo a facer navegar á Sara.