A Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira, Agalcari, acudiu cun espazo de seu ó Salón Náutico de Barcelona no que ofreceu información detallada dos seus integrantes.
A finalidade era a de dar a coñecelos servizos que prestan e poden ofrecer estes estaleiros caracterizados por un bo facer acreditado no tempo, pero que tamén teñen futuro propio nos mercados actuais, tanto para sectores profesionais como a pesca e a acuicultura coma para o mercado da náutica de recreo.
Para amosar esta idea levada a práctica desprazáronse o estaleiros grovense “Hijos de J. Garrido”, con Pepe e Fabián Garrido á fronte e coa Dorna Sara que, sen dúbida, foi a estrela do Salón Náutico non so polo número de visitantes e profesionais recibidos a bordo –incesante durante os oito días- ou polo concepto de embarcación tradicional adaptada ó ocio, senón pola idea que defenderen os irmáns Garrido de seren capaces de utilizala súa sabedoría ancestral para facer barcos á medida dos soños de cada un, barcos únicos, como é o caso da Dorna Sara, aparte, por suposto, da súa coñecida capacidade para traballos en calquera rehabilitación ou posta ó día de embarcacións que, total ou parcialmente, empreguen a madeira.
Hai que destacar tamén o espazo da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial con persoal durante os oito días distribuíndo información sobre os Encontros de Carril 2011, así como a presentación deles, que contou coa presenza da Alcaldesa de Vilagarcía.
O stand da FGCMF
Tanto o público afeccionado como o profesional amosaron a sorpresa diante do concepto da Dorna Sara e gabaren tanto os materiais e o proceso construtivo como o seu completo equipamento como embarcación para o ocio, resaltando a integración acadada por Hijos de J. Garrido da última tecnoloxía nun barco de formas clásicas construído no século XXI.