27 de julio de 2010
Navegando entre galeóns
O vento nordés con refachos de ata 25 nós da mañá do 24 de xullo, non parecía propicio para a Concentración, pero alá saímos cara a Vilanova polo Oeste da Illa de Arousa. Hora e media e entramos no porto pesqueiro de Vilanova que hai que aprender a coñecer, polos lombos de area. Un espectáculo importante: O Industrial era o centro de atención, coas autoridades a bordo. Pero estaban case que todos os demais: Nova Jorita, Evangelina, Luisa, O Silma, Nuevo Sofía...un espectáculo interesantísimo; nunha crónica periodística escribiron que os turistas esgotaban a capacidade das súas cámaras e foi verdade. Con bastante puntualidade a flota deixou o abrigo de Vilanova e puxeron rumbo a Catoira, de novo a motor polo vento de proa, non sendo o Silma e o Novo Sofía que fixeron un bordo cara a Rianxo e ergueron velas dúas ou tres millas ata Cortegada. Dende alí, co barco viquingo guiándonos polos lombos do Ulla, chegamos a Catoira, onde había preparada unha especie de romaría e onde coincidimos cos ensaios do asalto viquingo e ata con walkirias a cabalo. A volta converteuse nunha festa da vela con tódolos barcos con ventos pola aleta, pola popa... un espectáculo fantástico. O día rematou en Vilanova nunha cea na que entregaren un agasallo a cada barco participante.