2 de septiembre de 2010

A Sara na III Regata de Clásicos de San Vicente

Os asistentes vendo os barcos antes da saída


A III Concentración de Clásicos, celebrada na Enseada da Lanzada, e organizada polo Club Náutico San Vicente coa colaboración da Asociación de Amigos da Dorna Meca, resultou este ano un éxito que esperemos que se confirme na vindeira edición na que non deberían fallar barcos coma o Industrial ou o Cortegada que, daquela, xa estarán, seguramente, completamente armados.


A Sara entre o Evangelina e A Nova Jorita


Na regata os da Sara O erramos na estratexia: quixemos saír á busca de vento cara ó Oeste e perdemos un tempo extraordinario, mentres as outras embarcacións ían de empopada cara ó Camouco. Cando chegamos ó faro so quedaban detrás de nós o Evanxelina de Rianxo, o Garabullo de Viveiro e o Nordik. Dende a Faxilda intentamos alcanzar ó Naia, despois elixido o máis fermoso polos participantes, pero non fomos quen.


O Naia coa Airexa de fondo


Á nosa falla de pericia xuntouse que os ventos eran absolutamente febles, 2, 3, 4, 5 e, como moito, 6 nós, de xeito permanente, e penso que a Sara O precisa de mais vento para render ben. Pero o que interesa foi que se ofreceu un espectáculo moi interesante nas augas da Lanzada, onde as praias do Xeixeliño, Area da Crus, Paxareiros e Lanzada foron unhas tribunas privilexiadas para observar a regata.


Un galeón, un snipe e un Camper&Nicholson, exemplo de variedade da regata


A organización ten pensado, para o vindeiro ano, organizar un concurso de fotografía para a xente que estea nesas praias, que remitirá as fotos por vía electrónica e darase o premio coincidindo coa entrega de trofeos da regata.

En resumo: imos aprendendo a facer navegar á Sara.


Foto de familia cos premiados

27 de julio de 2010

Navegando entre galeóns

O vento nordés con refachos de ata 25 nós da mañá do 24 de xullo, non parecía propicio para a Concentración, pero alá saímos cara a Vilanova polo Oeste da Illa de Arousa. Hora e media e entramos no porto pesqueiro de Vilanova que hai que aprender a coñecer, polos lombos de area. Un espectáculo importante: O Industrial era o centro de atención, coas autoridades a bordo. Pero estaban case que todos os demais: Nova Jorita, Evangelina, Luisa, O Silma, Nuevo Sofía...un espectáculo interesantísimo; nunha crónica periodística escribiron que os turistas esgotaban a capacidade das súas cámaras e foi verdade. Con bastante puntualidade a flota deixou o abrigo de Vilanova e puxeron rumbo a Catoira, de novo a motor polo vento de proa, non sendo o Silma e o Novo Sofía que fixeron un bordo cara a Rianxo e ergueron velas dúas ou tres millas ata Cortegada. Dende alí, co barco viquingo guiándonos polos lombos do Ulla, chegamos a Catoira, onde había preparada unha especie de romaría e onde coincidimos cos ensaios do asalto viquingo e ata con walkirias a cabalo. A volta converteuse nunha festa da vela con tódolos barcos con ventos pola aleta, pola popa... un espectáculo fantástico. O día rematou en Vilanova nunha cea na que entregaren un agasallo a cada barco participante.

22 de julio de 2010

Navegación nunha tarde de norte

A Dorna Sara sigue a navegar, cando está preto o aniversario da botadura o pasado sabado houbo saída pola ría, co foque pequeno, que xa era suficiente para o abundante vento, a bordo ía Eusebio Lázara, un director teatral orixinario de Cartagena, e un redactor de La Voz de Galicia, que publicou unha reportaxe con un titular que non foi do mais acertado.

Pica na imaxe para ver a reportaxe

30 de mayo de 2010

Seguimos a navegar

A pesar de que esta web leve algún tempo inactiva a actividade da dorna Sara é continua, desde hai varios meses as navegacións semanais son practicamente continuas, saídas para disfrutar da navegación a vela, con ventos frescos que puxeron a proba o gran potencial da embarcación.



Nesta entrada podedes ver unhas fotografías de algunha das travesías da dorna Sara, que agora amarra en San Vicente.


De volta, saído do porto de Ribeira
A dorna Sara amarrada ao peirao da Illa de Ons

Chegando á Pobra do Caramiñal, onde estaba o Bermeotarrak IV

Hoxe mesmo en Cíes


26 de octubre de 2009

II Xornadas de construción naval en madeira "Un Mar de Madeira"


Esta fin de semana vanse celebrar en Ribeira as II Xornadas de construción naval en madeira "Un Mar de Madeira", organizadas pola Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari).

A cita para esta segunda edición, que o pasado ano se celebrou en San Vicente do Mar, será o sábado 31 de outubro na Casa do Pescador, na avenida do Malecón s/n.

Neste enlace podedes consultar o programa en formato PDF, que se ilustra con unha fotografía da Dorna Sara.

29 de septiembre de 2009

Desde Galicia para el mundo


Na última emisión do programa televisivo "Desde Galicia para el mundo" adican parte do seu tempo a unha reportaxe sobre o traballo dos irmáns Garrido no seu asteleiro. Tamén falan sobre a recente construción da Dorna Sara.

Podedes ver o video pinchando aqui.

7 de septiembre de 2009

A Dorna Sara na II Regata de Clásicos Emprosal

A dorna Sara xa goza dunha vida plena, completa a súa construción i equipación comezou a navegar.
Unha das súas primeiras travesías foi para tomar parte na II Regata de Clásicos Emprosal, organizada polo Club Náutico San Vicente do Mar, e que se celebrou o pasado 23 de agosto. A navegación trancorreu sen incidencias e houbo oportunidade de probar os diferentes rumbos e velas que pode combinar a embarcación.



Mais fotografías e a clasificación completa na noticia de Todogrove.com

Fotografías da regata na web do CNSV