11 de junio de 2012

Segundo posto para a Sara no I Trofeo Jaime Janer


A Dorna Sara O, con Xosé Avelino Ochoa como patrón e Gerardo Iglesias como tripulante, acadou o segundo posto no podio da División Elcano, un gratificante resultado á participación no I Trofeo Capitán de Corveta Jaime Janer, Gran Premio Concello de Marín de Barcos Clásicos e de Época.



 A meteoroloxía deu unha tregua aos participantes no trofeo Capitán de Corveta Jaime Janer - Gran Premio Concello de Marín para barcos Clásicos e de Época que  organizou a Escola Naval Militar de Marín e o Real Club de Mar de Aguete coa colaboración do Monte Real Club de Iates de Bayona, Club Náutico San Vicente do Mar e Bombay Sapphire, e a última etapa do domingo puido celebrarse co cambio de itinerario obrigado polo temporal do sábado, de forma que a frota saíu desde San Vicente do Mar no canto de Baiona e finalizou en Marín como estaba previsto. (Fotografías: Desmarque.es)

  
A saída fronte á praia da Lanzada foi puntual ás 12 do mediodía con ventos do Oeste que sempre estiveron ao redor dos 12-14 nós de intensidade, facendo que o percorrido de 15 millas fixésese de forma moi rápida a pesar da incómoda onda que se formou, cun través até entrar na Ría de Pontevedra onde izaron spinakker até Aguete, onde fixeron unha pequena volta atrás en bolina e logo novamente empopada até a meta, sendo o primeiro en cruzar  a liña de chegada montada fronte ao peirao de torpedos da Escola Naval, o CALÚA nun tempo de dúas horas e corenta e cinco minutos, o cal non está nada mal. Once minutos despois entraba o NOCTURNE e pouco despois case xuntos o PETÁN, AROSA e AGUETE, o cal dá unha idea do emocionante que estivo a proba até o final. Nesta Etapa en tempo compensado venceron en División Elcano o AGUETE e en Galatea o CALUA.                                                                                                
Realizados os cómputos xerais, a clasificación final quedou da seguinte maneira:                                                                                                                

División  Elcano:                                                                                                           
1º) CASSANDRA (Hillyard 36 - Javier Pazó - CN Portonovo/Agabace) con 3 puntos
2º) SARA Ou (Dorna de Lecer - Xosé Avelino Ochoa - CNS Vicente) 5 puntos
3º) AGUETE (Ketch Formosa 51 - José Luís Guitart - ENM Marín), 9 puntos  

A tripulación do Cassandra

División Galatea:                                                                                                             
1º) CALÚA (Vindo 50 -Juan Pablo Cividanes - CM Canido/Agabace) con 3 puntos
2º) BEARWOOD  PETAN (Ketch Class 8 - Rocío Janer - Agabace) con 4 puntos
3º) NOCTURNE (Nicholson Jolina - Enrique Barreiro - CN Combarro), 5 puntos

Pablo Cividanes, patrón do Calúa

E conxuntadas as dúas divisións, resultou Vencedor Absoluto do Gran Premio Concello de Marín o CALÚA.
Por último,  o premio da familia Jaime Janer ao barco cos mellores valores e liñas clásicas adxudicouno o xurado especializado á goleta AROSA.
A entrega de premios final tivo lugar no Casino de Oficiais da Escola Naval Militar de Marín na propia tarde do domingo coa presenza da Alcaldesa da cidade, María Ramallo .

 Recollendo o 2º premio de mans do presidente de AGABACE, Guillermo Gefaell


22 de mayo de 2012

Podium na XVI Regata Almirante Rodríguez Toubes




Vaise cumprindo o Calendario de Agabace (www.agabace.org) e cada vez imos coñecendo mellor o barco. Os días 19 e 20 participamos na XVI Regata Almirante Rodríguez Toubes cunha primeira tirada entre Marín e Vilagarcía e unha segunda entre a vila da ría de Arousa e a vila da ría de Pontevedra. No primeiro día houbo ventos da travesía sostidos que obrigaren a unha cinguida ata San Vicente e que nos favoreceren para chegar dende alí a Vilagarcía. En tempo compensado o Sara O (8.40 m. de eslora) fixo terceiro, por detrás do Arosa, da Armada, (22.96 m. de eslora), e o Cassandra, dos irmáns Pazó, (10.98 m. de eslora). Coma sempre o tramo mais complicado estivo entre Ons e Sálvora pola altura das ondas e a forza do vento que, precisamente, serviu de axuda en canto o puidemos coller pola aleta para manternos entre 6 e 7 nos ata ben pasada a Illa de Arousa, despois da que optamos por navegar entre as bateas do Sur da Ría pola forza da corrente e a diminución da intensidade do vento.


Fotografía: Desmarque.es

En Vilagarcía recibíronos as autoridades na sede do Real Club de Regatas de Galicia que conmemoraba o centenario desta regata –claro está con diversos nomes- e onde o Presidente deste Club –tan tradicionalmente decorado- anunciou que para o vindeiro ano pretende organizar unha Semana Náutica, para conmemorar a primeira Semana Náutica que se fixo naquelas augas por primeira vez en España e, ademais, lembrando tamén a unión de Vilaxoán, Vilagarcía e Carril. O Alcalde de Vilagarcía anunciou a súa intención de axudar no evento. Coma sempre, o Comandante da Escola Naval de Marín fixo un discurso modélico. A segunda etapa foi unha secuencia de encalmada, que dilatou a saída hora e media, refachos de ata vintecinco nós, forza 6, entre Mesos e Faxilda e ondas de mais de dous metros dende Pombeiro a Picamillo. De Vilagarcía ata pasada Rúa fomos detrás do Arosa e diante do Aguete e Cassandra en tempo real. O comandante do Aguete confesou que se viu obrigado a largalo gennaker para adiantarnos e, efectivamente, así ocorreu: foinos deixando pola súa popa dende alí ata Marín e, ademais, adiantou ó Arosa, ao tronzarlle a este o spi. O Cassandra, coa forza do vento, non sacou o gennaker ata rematalo bordo que fixo para librar Faxilda –nós navegamos Ons - Marín, en popa, grazas á habilidade de Gerardo Iglesias ao temón-. Armado o Cassandra con esa vela dianteira foinos ganando mar inexorablemente, ás veces emborcando auga polo puxame daquel inmenso pano azul, pero non foi quen de adiantarnos ata uns cen metros da liña de chegada. O resultado foi, en tempos compensados, que quedamos segundos cunha perda de tres minutos co Aguete (un Formosa 51, 16,82 m. de eslora) comandado por José Luis Guitart, que se fixo tamén coa clasificación xeral por este primeiro posto. O Cassandra (Hillyard 36) perdeu mais de dezaséis minutos connosco, en tempo compensado, e pechou a clasificación o Arosa (Goleta Mayline) a vintetrés minutos do primeiro. A entrega de trofeos celebrouse no Salón do Casino da Escola Naval coas intervencións do vicealmirante Rodríguez Toubes que anunciou que vai selo responsable da División de Regatas da Armada e pechou, de novo admirablemente, o Comandante da Escola Naval, Marcial Gamboa que, con emoción contida, sinalou que nuns meses cambiará de destino. A clasificación dos Clásicos dou un empate a cinco puntos entre o Aguete (4+1), de José Luis Guitart –Escola Naval-, , o Arosa (1+4), de Gerardo González-Cela –Escola Naval-, o Sara O (3+2) –Agabace/CN S.Vicente)- e o Cassandra (2+3) –Agabace/CN S. Vicente-, que se resolveu nesta orde dando preferencia aos postos e á ultima etapa.

16 de marzo de 2012

Nos tamén navegar

Fotos: Desmarque.es

A Dorna Sara non para.
Nas últimas semanas vimos participando nos eventos organizados ao abeiro da Asociación Galega de Barcos Clásicos e de Época, AGABACE, a práctica totalidade das regatas referidas tiveron lugar na ría de Pontevedra, onde nos acolleu o Real Club de Mar de Aguete. Máis concretamente tomamos parte nestes eventos nas seccións de Clásicos JCH dos diversos trofeos. Estas saídas están servindo para aprender moito sobre a competición e a navegación.



As tres imaxes precedentes corresponden ao Trofeos Galos Arizaga, marzo 2012, no que a Sara O acadou un meritorio terceiro posto na división de Clásicos, tal e como se recolle nesta crónica do evento que publica Faro de Vigo.

O Miña Miniña por estribor

O Aguete por babor

Diario de Pontevedra

19 de septiembre de 2011

Dúas embarcacións do Grove no podio do Master Corte Inglés 2011



Con parte da tripulación do Nocturne e o presidente de Agabace, desposi da entrega de premios

A pasada semana, nos pantaláns de Baiona xestouse de xeito improvisado unha regata de clásicos no marco do Master 2011 do Corte Inglés. o Club Náutico de Sanxenxo convidou aos clásicos presentes a participar do evento.
Aínda que a cira para as categorías de ORC, Platú e Optimist compoñíase de tres probas a disputar venres, sábado e domingo; no caso dos clásicos o calendario limitábase a dúas probas, unha o sábado e outra o domingo. Na primeira xornada o Nocturne deixou ben claro que non ía facer concesións, pero con todo o Miña Miniña demostrou que non da tregua, non en balde remataron as dúas probas en idénticas posicións, con unha marxe máis axustada na regata do domingo. Foi nesta segunda xornada na que a estratexia que adoptaron os patróns dos clásicos se fixo valer, a Sara remontou posicións tras unha saída pouco afortunada e entrou en liña de meta en terceiro lugar, o que lle valeu para situarse no chanzo do bronce na clasificación xeral.

O Cassandra dou guerra na regata do domingo

A Sara acoderada ao Marie, do presidente de Agabace, Guillermo Geffael

A intrépida tripulación facendo banda

O Nocturne of Newport, de Enrique Barreiro, foi o vencedor na categoría

O Miña Miniña, que fixo segundo na clasificación Xeral.


Máis información sobre a regata en
RCN de Sanxenxo
Blog Desmarque
RFEF
El Correo Gallego

12 de septiembre de 2011

Navegando en Baiona

O pasado venres 9 de setembro daban incio as regatas do XXVI Premio Príncipe de Asturias, organizado polo MRCY de Baiona, no que unha das categorías foi a de Clásicos, na cal entrou a Dorna Sara, ademáis de outros fermosos barcos, entre os que estaban varios socios da recén fundada Agabace (Asociación Galega de Barcos Clásicos e de Época).
Estiveron tamén en Baiona o Aguete e o Giralda, dúas das embarcacións de interese patrimonial, e que moi pronto engrosarán o listado de membros da Agabace.

En canto á clasificación do grupo dos Clásicos, desde o primeiro día o Pingüino deixou ben claro que non ia facer concesións, e así foi, rematando primeiro nas 3 probas disputadas, nas que ofreceu fermosas estampas.

Seguiron nas probas e na clasificación os barcos da fotografía, en segundo lugar rematou o Calúa (amarrado ao pantalán) e nun moi meritorio posto acabab o Miña Miniña, de Fabián Garrido, que puxo toda a carne no asador nas augas costeiras de Baiona.

Nos próximos días a fotografa viguesa María Muiña colgará na súa páxina web a galería de imaxes deste Trofeo, permaneceremos atentos.

24 de agosto de 2011

Clásicos en San Vicente


A Concentración de Barcos Clásicos de San Vicente do Mar chegou á súa cuarta edición, un ano máis este Trofeo El Corte Inglés reuniu en augas do Grove e un nutrido e variado grupo de embarcacións de especial interese. E por suposto a Sara non podía faltar.


A pesares de que algún se caiu da lista de inscritos, foron casi 30 as embarcacións que participaron na concentración, bastantes barcos pero pouco vento, a decir verdade, foi por isto que houbo tramos nos que o comité ordeou encender máquinas para completar algún tramo do peculiar rally marítimo que consistiu a mañán de navegación.

Como se pode ver nesta fotografía, a modo de exemplo, houbo moitas tipoloxías de embarcacións no mar: dornas polbeiras, dorna meca, racú, veleiros clásicos, galeóns, snipe, balandros... e ata un 6 metros fómula internacional, o Acacia, un barco de regatas clásico e puro que deixou boa mostra do seu espírito ao completar primeiro o percorrido.

Podedes ler máis e contemplar máis fotografías nestes enlaces:
Todogrove.com
La Voz de Galicia.
La Voz de Galicia (luns)
El Correo Gallego
Amigos da Dorna Meca




20 de julio de 2011

X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

Na primeira fin de semana do mes de xullo, a Dorna Sara chegou a Carril para participar do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, o décimo da historia pero o primeiro para a Sara, i é de esperar que sexa o primeiro de moitos máis que veñan. Unha cita á que non oden faltar todas as persoas que sintan un mínimo de apego ou sensibilidade hacia o patrimonio marítimo e a cultura mariñeira

Numeroso público e tripulantes déronlle vida a este X Encontro, tanto en terra como nos pantaláns, así como nos diversos emprazamentos nos que tiñan lugar as actividades recollidas no programa.


Outro punto moi salientable no Encontro foi o das visitas guiadas á illa de Cortegada, un espazo para a natureza e a historia, que ao percorrer ofrece diversas caras e frondosas extensións con marabillosos exemplares de eucaliptos, loureiros ou carballos.


Na tarde do sábado, un tanto gris de aspecto pero con ventiño do sur e sen choiva, a Sara tamén formou parte da navegación libre nas augas de Carril, unha espectacular imaxe de velas, tipoloxías, orixes e xentes.


Bucetas, dornas de calime, galeóns, botes do golfo ártabro, e máis tipoloxías chegadas de toda as ribeiras da península ibérica


Foto: Club do Mar de Ferrol

E tamén moitas dornas de tope, das que herdou as formas do casco a Sara, nesta fotografía do Club do Mar de Ferrol, podemos ver xuntas a Sara e a Laxe de Boibas, a dorna de tope restaurada polos Amigos da Dorna Meca que se presentaba en sociedade en Carril.

A Tripulación
Nesta fin de semana de Encontro, tuvemos ocasión de compartir navegación, mesa e conversa con moitos amigos, mención especial merecen os compañeiros do mediterráneo, amantes do mar e das embarcacións tradicionais, que conformaban a tripulación da Sara: Jaume, Aina, Joan... e as súas familias agasalláronos coa sua compañía no mar i en terra. A todos eles unha forte aperta e ata a próxima, na Sara seguirán tendo plaza.

A tripulación ao completo