27 de julio de 2012

Trofeo Casino A Toxa: "Sara O", primeira en Clásicos


 
Os días 21 e 22 celebrouse a X edición do Trofeo Casino da Toxa organizado polo Club Náutico de Portonovo coa colaboración do Club Náutico San Vicente.
O 21 cunha tirada entre Portonovo e San Vicente, nunha xornada de sol e vento, que tardou en aparecer, facendo que se demorase a saída dúas horas ata case as tres da tarde, que foi cando se entablou  un Noroeste  estable duns 12 nós. Os ORC fixeron Mourisca, Camouco, Picamillo e san Vicente. Os primeiros en chegar a Pedras Negras foron Oral Group, Sebrala e Maral . 

 
 
Cassandra e a súa tripulación no CN San Vicente

Os Clásicos fixemos un recorrido costeiro  de sete millas que liderou o Cassandra de Fernando Pazó con cinco minutos en tempo compensado sobre o Sara O.  A clasificación quedou así :
1. Cassandra (Fernado Pazó / AGABACE), 1 puntos
2. Sara O (Xosé Avelino Ochoa / C.N. San Vicente do Mar), 2 puntos
3. Papaleisson (Javier Francisco Otero / AGABACE), 3 puntos


Papaleisson

En San Vicente o xerente do Casino e os presidentes dos Clubs fixeron entrega de trofeos aos primeiros clasificados e o Club Náutico ofreceu unha moi concurrida cea mariñeira.

 
O 22 aí polas 12 a flota puxo rumbo a Portonovo. O Comité de Regatas dou a saída con ventos do Noroeste de oito nós co liña de saída estaba situada nas inmediacións da Lanzada. Os Clásicos fixemos Picamillo, Camouco, Mourisca e Portonovo. O Sara O, que chegou con so catro minutos de diferencia co cassandra adxudicouse o primeiro posto  nesta regata e o da xeneral, co "Papaleisson" de Javier Alfonso Otero de terceiro . Así foi que houbo un empate a tres puntos entre Cassandra e Sara O e a balanza decantouse a favor da tripulación do "Sara O" (Gerardo Iglesias, Javier Portela, Polo Ivorra e X.A.Ochoa), por seren primeiros na última proba. O Cassandra de Fernando e Javier Pazó colocouse na segunda praza, completando o podio a embarcación de Javier Alfonso Otero.

 
 
Os vencedores desta décima edición do Trofeo Casino A Toxa recolleren os seus premios nun acto celebrado no C.N. Portonovo

Clasificación ORC Regata. Trofeo Casino A Toxa
1. Oral Group (Pedro Pazos / CN Portosín), 5 puntos
3. Enxuto (Pablo Conde / C.N Combarro), 5 puntos
2. Ziralla Primero (Ramón Barreiro / C.N. Barraña - Boiro), 5 puntos

Clasificación ORC Cruceiro. Trofeo Casino A Toxa
1. Argos (Manuel Rey / C.N. Rianxo), 3 puntos
2. Sebrala 2 (Alfredo Froiz / R.C.N. Sanxenxo), 3 puntos
3. Piko Norte (José Manuel Castro / R.C.N. Coruña), 7 puntos

Clasificación ORC Open. Trofeo Casino A Toxa
1. Maral III (Roberto de la Puente / C.N. Portonovo), 3 puntos
2. Troscado (Natalia Velázquez / R.C.M. Aguete), 4 puntos
3. Tayta (Francisco Martínez / C.N. Portonovo), 6 puntos

Clasificación Clásicos. Trofeo Casino A Toxa
1. Sara O (Xosé Avelino Ochoa / C.N. San Vicente do Mar), 3 puntos
2. Cassandra (Fernado Pazó / AGABACE), 3 puntos
3. Papaleisson (Javier Alfonso Otero / AGABACE), 6 puntos

 

11 de junio de 2012

Segundo posto para a Sara no I Trofeo Jaime Janer


A Dorna Sara O, con Xosé Avelino Ochoa como patrón e Gerardo Iglesias como tripulante, acadou o segundo posto no podio da División Elcano, un gratificante resultado á participación no I Trofeo Capitán de Corveta Jaime Janer, Gran Premio Concello de Marín de Barcos Clásicos e de Época.



 A meteoroloxía deu unha tregua aos participantes no trofeo Capitán de Corveta Jaime Janer - Gran Premio Concello de Marín para barcos Clásicos e de Época que  organizou a Escola Naval Militar de Marín e o Real Club de Mar de Aguete coa colaboración do Monte Real Club de Iates de Bayona, Club Náutico San Vicente do Mar e Bombay Sapphire, e a última etapa do domingo puido celebrarse co cambio de itinerario obrigado polo temporal do sábado, de forma que a frota saíu desde San Vicente do Mar no canto de Baiona e finalizou en Marín como estaba previsto. (Fotografías: Desmarque.es)

  
A saída fronte á praia da Lanzada foi puntual ás 12 do mediodía con ventos do Oeste que sempre estiveron ao redor dos 12-14 nós de intensidade, facendo que o percorrido de 15 millas fixésese de forma moi rápida a pesar da incómoda onda que se formou, cun través até entrar na Ría de Pontevedra onde izaron spinakker até Aguete, onde fixeron unha pequena volta atrás en bolina e logo novamente empopada até a meta, sendo o primeiro en cruzar  a liña de chegada montada fronte ao peirao de torpedos da Escola Naval, o CALÚA nun tempo de dúas horas e corenta e cinco minutos, o cal non está nada mal. Once minutos despois entraba o NOCTURNE e pouco despois case xuntos o PETÁN, AROSA e AGUETE, o cal dá unha idea do emocionante que estivo a proba até o final. Nesta Etapa en tempo compensado venceron en División Elcano o AGUETE e en Galatea o CALUA.                                                                                                
Realizados os cómputos xerais, a clasificación final quedou da seguinte maneira:                                                                                                                

División  Elcano:                                                                                                           
1º) CASSANDRA (Hillyard 36 - Javier Pazó - CN Portonovo/Agabace) con 3 puntos
2º) SARA Ou (Dorna de Lecer - Xosé Avelino Ochoa - CNS Vicente) 5 puntos
3º) AGUETE (Ketch Formosa 51 - José Luís Guitart - ENM Marín), 9 puntos  

A tripulación do Cassandra

División Galatea:                                                                                                             
1º) CALÚA (Vindo 50 -Juan Pablo Cividanes - CM Canido/Agabace) con 3 puntos
2º) BEARWOOD  PETAN (Ketch Class 8 - Rocío Janer - Agabace) con 4 puntos
3º) NOCTURNE (Nicholson Jolina - Enrique Barreiro - CN Combarro), 5 puntos

Pablo Cividanes, patrón do Calúa

E conxuntadas as dúas divisións, resultou Vencedor Absoluto do Gran Premio Concello de Marín o CALÚA.
Por último,  o premio da familia Jaime Janer ao barco cos mellores valores e liñas clásicas adxudicouno o xurado especializado á goleta AROSA.
A entrega de premios final tivo lugar no Casino de Oficiais da Escola Naval Militar de Marín na propia tarde do domingo coa presenza da Alcaldesa da cidade, María Ramallo .

 Recollendo o 2º premio de mans do presidente de AGABACE, Guillermo Gefaell


22 de mayo de 2012

Podium na XVI Regata Almirante Rodríguez Toubes




Vaise cumprindo o Calendario de Agabace (www.agabace.org) e cada vez imos coñecendo mellor o barco. Os días 19 e 20 participamos na XVI Regata Almirante Rodríguez Toubes cunha primeira tirada entre Marín e Vilagarcía e unha segunda entre a vila da ría de Arousa e a vila da ría de Pontevedra. No primeiro día houbo ventos da travesía sostidos que obrigaren a unha cinguida ata San Vicente e que nos favoreceren para chegar dende alí a Vilagarcía. En tempo compensado o Sara O (8.40 m. de eslora) fixo terceiro, por detrás do Arosa, da Armada, (22.96 m. de eslora), e o Cassandra, dos irmáns Pazó, (10.98 m. de eslora). Coma sempre o tramo mais complicado estivo entre Ons e Sálvora pola altura das ondas e a forza do vento que, precisamente, serviu de axuda en canto o puidemos coller pola aleta para manternos entre 6 e 7 nos ata ben pasada a Illa de Arousa, despois da que optamos por navegar entre as bateas do Sur da Ría pola forza da corrente e a diminución da intensidade do vento.


Fotografía: Desmarque.es

En Vilagarcía recibíronos as autoridades na sede do Real Club de Regatas de Galicia que conmemoraba o centenario desta regata –claro está con diversos nomes- e onde o Presidente deste Club –tan tradicionalmente decorado- anunciou que para o vindeiro ano pretende organizar unha Semana Náutica, para conmemorar a primeira Semana Náutica que se fixo naquelas augas por primeira vez en España e, ademais, lembrando tamén a unión de Vilaxoán, Vilagarcía e Carril. O Alcalde de Vilagarcía anunciou a súa intención de axudar no evento. Coma sempre, o Comandante da Escola Naval de Marín fixo un discurso modélico. A segunda etapa foi unha secuencia de encalmada, que dilatou a saída hora e media, refachos de ata vintecinco nós, forza 6, entre Mesos e Faxilda e ondas de mais de dous metros dende Pombeiro a Picamillo. De Vilagarcía ata pasada Rúa fomos detrás do Arosa e diante do Aguete e Cassandra en tempo real. O comandante do Aguete confesou que se viu obrigado a largalo gennaker para adiantarnos e, efectivamente, así ocorreu: foinos deixando pola súa popa dende alí ata Marín e, ademais, adiantou ó Arosa, ao tronzarlle a este o spi. O Cassandra, coa forza do vento, non sacou o gennaker ata rematalo bordo que fixo para librar Faxilda –nós navegamos Ons - Marín, en popa, grazas á habilidade de Gerardo Iglesias ao temón-. Armado o Cassandra con esa vela dianteira foinos ganando mar inexorablemente, ás veces emborcando auga polo puxame daquel inmenso pano azul, pero non foi quen de adiantarnos ata uns cen metros da liña de chegada. O resultado foi, en tempos compensados, que quedamos segundos cunha perda de tres minutos co Aguete (un Formosa 51, 16,82 m. de eslora) comandado por José Luis Guitart, que se fixo tamén coa clasificación xeral por este primeiro posto. O Cassandra (Hillyard 36) perdeu mais de dezaséis minutos connosco, en tempo compensado, e pechou a clasificación o Arosa (Goleta Mayline) a vintetrés minutos do primeiro. A entrega de trofeos celebrouse no Salón do Casino da Escola Naval coas intervencións do vicealmirante Rodríguez Toubes que anunciou que vai selo responsable da División de Regatas da Armada e pechou, de novo admirablemente, o Comandante da Escola Naval, Marcial Gamboa que, con emoción contida, sinalou que nuns meses cambiará de destino. A clasificación dos Clásicos dou un empate a cinco puntos entre o Aguete (4+1), de José Luis Guitart –Escola Naval-, , o Arosa (1+4), de Gerardo González-Cela –Escola Naval-, o Sara O (3+2) –Agabace/CN S.Vicente)- e o Cassandra (2+3) –Agabace/CN S. Vicente-, que se resolveu nesta orde dando preferencia aos postos e á ultima etapa.

16 de marzo de 2012

Nos tamén navegar

Fotos: Desmarque.es

A Dorna Sara non para.
Nas últimas semanas vimos participando nos eventos organizados ao abeiro da Asociación Galega de Barcos Clásicos e de Época, AGABACE, a práctica totalidade das regatas referidas tiveron lugar na ría de Pontevedra, onde nos acolleu o Real Club de Mar de Aguete. Máis concretamente tomamos parte nestes eventos nas seccións de Clásicos JCH dos diversos trofeos. Estas saídas están servindo para aprender moito sobre a competición e a navegación.



As tres imaxes precedentes corresponden ao Trofeos Galos Arizaga, marzo 2012, no que a Sara O acadou un meritorio terceiro posto na división de Clásicos, tal e como se recolle nesta crónica do evento que publica Faro de Vigo.

O Miña Miniña por estribor

O Aguete por babor

Diario de Pontevedra

19 de septiembre de 2011

Dúas embarcacións do Grove no podio do Master Corte Inglés 2011



Con parte da tripulación do Nocturne e o presidente de Agabace, desposi da entrega de premios

A pasada semana, nos pantaláns de Baiona xestouse de xeito improvisado unha regata de clásicos no marco do Master 2011 do Corte Inglés. o Club Náutico de Sanxenxo convidou aos clásicos presentes a participar do evento.
Aínda que a cira para as categorías de ORC, Platú e Optimist compoñíase de tres probas a disputar venres, sábado e domingo; no caso dos clásicos o calendario limitábase a dúas probas, unha o sábado e outra o domingo. Na primeira xornada o Nocturne deixou ben claro que non ía facer concesións, pero con todo o Miña Miniña demostrou que non da tregua, non en balde remataron as dúas probas en idénticas posicións, con unha marxe máis axustada na regata do domingo. Foi nesta segunda xornada na que a estratexia que adoptaron os patróns dos clásicos se fixo valer, a Sara remontou posicións tras unha saída pouco afortunada e entrou en liña de meta en terceiro lugar, o que lle valeu para situarse no chanzo do bronce na clasificación xeral.

O Cassandra dou guerra na regata do domingo

A Sara acoderada ao Marie, do presidente de Agabace, Guillermo Geffael

A intrépida tripulación facendo banda

O Nocturne of Newport, de Enrique Barreiro, foi o vencedor na categoría

O Miña Miniña, que fixo segundo na clasificación Xeral.


Máis información sobre a regata en
RCN de Sanxenxo
Blog Desmarque
RFEF
El Correo Gallego

12 de septiembre de 2011

Navegando en Baiona

O pasado venres 9 de setembro daban incio as regatas do XXVI Premio Príncipe de Asturias, organizado polo MRCY de Baiona, no que unha das categorías foi a de Clásicos, na cal entrou a Dorna Sara, ademáis de outros fermosos barcos, entre os que estaban varios socios da recén fundada Agabace (Asociación Galega de Barcos Clásicos e de Época).
Estiveron tamén en Baiona o Aguete e o Giralda, dúas das embarcacións de interese patrimonial, e que moi pronto engrosarán o listado de membros da Agabace.

En canto á clasificación do grupo dos Clásicos, desde o primeiro día o Pingüino deixou ben claro que non ia facer concesións, e así foi, rematando primeiro nas 3 probas disputadas, nas que ofreceu fermosas estampas.

Seguiron nas probas e na clasificación os barcos da fotografía, en segundo lugar rematou o Calúa (amarrado ao pantalán) e nun moi meritorio posto acabab o Miña Miniña, de Fabián Garrido, que puxo toda a carne no asador nas augas costeiras de Baiona.

Nos próximos días a fotografa viguesa María Muiña colgará na súa páxina web a galería de imaxes deste Trofeo, permaneceremos atentos.