30 de diciembre de 2008

Mamparos de cabina

O armador comproba in situ a distribución da Dorna Sara.

Xa mostramos nesta web a proba de como quedaban presentados os mamparos da cabina, nestes días fixouse o conxunto no seu lugar.


24 de diciembre de 2008

Cabina

Unha vez fixados os teitos interiores sobre os baos, onde irá disposta a cuberta, é o momento de adicarse á cabina. Hoxe tomaron posición os laterais e nos proximos días poderemos ver todo o perímetro da mesma, ao tempo que continúan os traballos de aproximación de cintón imbornais e tapa regala.

19 de diciembre de 2008

Divisións interiores e imbornais

O interior da dorna Sara ten xa espacios definidos, estase levando a cabo a distribución da habitabilidade e a estiba. Ao tempo os carpinteiros ubican o cintón co correspondente imbornal corrido.

5 de diciembre de 2008

Teitos e divisións

Unha vez planteada a estrutura da cuberta é o intre de realizar as divisións interores do casco. Ao mesmo tempo tamén se elaboran teitos das dependencias habitables. Nas fotografías apreciamos tamén as "cuerdas" instaladas na cara interna das cuadernas.

3 de noviembre de 2008

A bañeira

Logo de moitos durmintes, baos medios baos fortemente unidos por precisos lazos xa se albisca o reparto da cuberta da Dorna Sara. Corredores, bañeira, cabina, escotillón e cofete van xa tomando forma.





30 de octubre de 2008

Baos e medios baos


Esta semana a actividade que rexistra a Dorna Sara refírese á confeción da cuberta, ou máis ben dos elementos que soportarán a cuberta e os corredores. Os baos van de costado a costado, e os medios baos pousados nos durmintes configuran a forma da cabina, os corredores e a bañeira.

2 de octubre de 2008

Trancanís


Os trancanís da Dorna Sara xa foron completamente elaborados e no lugar que lles corresponde, con algún dos dumintes da cuberta.

24 de septiembre de 2008

Xuntanza de bloggers da Cultura Marítima


Será o sábado 4 de Outubro nas instalacións do Club Náutico San Vicente do Mar no Grove. Ímonos a xuntar as e os administradores de blogues de temática marítima ou que mostran sensibilidade ao mar desde as máis diversas ópticas. Trátase dunha Xuntanza Blogueir@ que ten como finalidade fortalecer os vínculos de amistade das persoas que coincidimos no espazo marítimo da blogosfera, haberá un xantar, e logo teremos a oportunidade tomar un café na compaña de Staffan Mörling, e ás 20.00 horas Conversas cos Paradas, unha familia grovense que ten moito que falar de patrimonio marítimo.
Tamén temos como obxectivo sentar as bases, desde a identificación coa Federación Galega da Cultura Marítima e Fluvial, da consolidación e ampliación dun espazo cívico aberto na blogosfera en favor do patrimonio material e inmaterial da cultura marítima. A Xuntanza Blogueir@: o mundo do mar e as embarcacións tradicionais, consistirá nun xantar de confraternización e nunha mesa redonda na que tratar temas de interés común. A tarefa de coordenación tena asumido Mar de Una Mirada a la Ría de Vigo polo que se queres asisitir non tes máis que comunicarllo á organización a través do e-mail: canido38@yahoo.com Anímate!!!!

22 de septiembre de 2008

Trancanil

Rematado o traballo coas cuadernas é o momento de elaborar as pantillas e preparar os trancaniles de ambos costados. A través dos mesmos pasan os extremos superiores das cuadernas e neles uniranse os baos, as cuadernas e o forro da embarcación.

17 de septiembre de 2008

Calzos e palmexares

Os calzos onde se fixará o motor diesel intraborda están xa listos, ao tempo que os palmexares toman o seu lugar no interior das cuadernas, uníndoas entre si, reforzando a estrutura e impedindo flexións do casco.

7 de septiembre de 2008

Grande e pequena

Estes días no taller ao lado da Dorna Sara estivo outra dorna. Unha dorna de calime de 9 cuartas, das de regatear. Podemos ver na fotografía a comparativa do tamaño. Ao tempo que os carpinteiros afinan o trazado das cuadernas das rodas e das amuras.

29 de agosto de 2008

Cuadernas e estampa





A dorna Sara amosa unha grande evolución, o conxunto de codaste e estampa está xa rematado, e son as primeiras e as últimas cuadernas as que centran o traballo destes días

21 de agosto de 2008

Sobrequilla


A sobrequilla reforza a estrutura que forman as cuadernas e a quilla. Nas imaxes vemos como xa se atopa no seu lugar, e tamén detalles do que será a sentina

16 de agosto de 2008

A enramada



As cuadernas que xa estaban perfectamente montadas están xa encavilladas cada unha no seu sitio. O traballo da enramada foi relativamente rápido e xa nos permite ver unha estrutura onde albiscar unha dorna de tope.

8 de agosto de 2008

De proa a popa

Está lista a estructura loxitudinal da Dorna Sara, o que sería a columna onde se vertebran as cuadernas. En breve, a estampa ocupará o seu lugar na popa e comezará o traballo da enramada

4 de agosto de 2008

A popa avanza

O codaste sigue tirando para arriba. Hoxe están presentadas as diversas pezas que lle dan forma ao conxunto da popa: cuaño, codaste, estampa...

Ponte da hélice

Logo de un pequeno paréntese retómase a construción da Sara. O codaste vai collendo forma coa preparación e ensamblaxe da ponte da hélice, xa perforada para pasar por ela o eixo do motor.

19 de junio de 2008

Macizos


Nestes días a actividade de varadas dos Asteleiros Garrido é intensa, como todos os anos nesta época. Mentras tanto sobre a quilla da dorna Sara, os carpinteiros están laminando, ou encolando os macizos, é decir as pezas que reforzan a quilla na roda e na popa. Avanzando.

12 de junio de 2008

Bancada


A peza de quilla está xa no seu lugar definitivo. Unha bancada de eucalipto mantén a peza primeira do barco para comezar xa a construción en si da embarcación. Sobre a quilla practicouse o alferíz que é un rebaixe ou canal onde se encastarán os listóns que forman o forro.

8 de junio de 2008

Posta de quilla





A quilla fica pronta para montar nela as varengas, formadas de cinco partes cada unha. Como di a tradición a quilla foi mollada con un bo viño, servindo como un presaxio de longa vida á embarcación. Representantes de diversos colectivos socias vinculado á cultura marítima asistiron ao ramo, así como o armador e un grupo de familiares e amigos.
Fotografías por cortesía de www.todogrove.com