18 de noviembre de 2010

Participación no Salón Náutico de Barcelona


A Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira, Agalcari, acudiu cun espazo de seu ó Salón Náutico de Barcelona no que ofreceu información detallada dos seus integrantes.

Cargando para marchar a Barcelona

A finalidade era a de dar a coñecelos servizos que prestan e poden ofrecer estes estaleiros caracterizados por un bo facer acreditado no tempo, pero que tamén teñen futuro propio nos mercados actuais, tanto para sectores profesionais como a pesca e a acuicultura coma para o mercado da náutica de recreo.


Para amosar esta idea levada a práctica desprazáronse o estaleiros grovense “Hijos de J. Garrido”, con Pepe e Fabián Garrido á fronte e coa Dorna Sara que, sen dúbida, foi a estrela do Salón Náutico non so polo número de visitantes e profesionais recibidos a bordo –incesante durante os oito días- ou polo concepto de embarcación tradicional adaptada ó ocio, senón pola idea que defenderen os irmáns Garrido de seren capaces de utilizala súa sabedoría ancestral para facer barcos á medida dos soños de cada un, barcos únicos, como é o caso da Dorna Sara, aparte, por suposto, da súa coñecida capacidade para traballos en calquera rehabilitación ou posta ó día de embarcacións que, total ou parcialmente, empreguen a madeira.



O persoal do Asteleiro



A propia organización do Salón Náutico no primeiro dos vídeos promocionais,xusto despois das imaxes da inauguración oficial polo Alcalde de Barcelona e a Alcaldesa de Hospitalet, contén unha visita bastante detallada á Dorna Sara e ó resto do Spai de Marina Tradicional no que había stands do País Vasco, Cataluña, Baleares, Canarias e ata de Irlanda e onde se celebraron actividades diversas (construción en vivo dun curach, taller de nos, charlas, actuacións musicais i etnográficas...).


Pepe Garrido explicando a construción do Parrulo aos alumnos da Escola de Inxeñería de Barcelona

Hai que destacar tamén o espazo da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial con persoal durante os oito días distribuíndo información sobre os Encontros de Carril 2011, así como a presentación deles, que contou coa presenza da Alcaldesa de Vilagarcía.


O stand da FGCMF


Tanto o público afeccionado como o profesional amosaron a sorpresa diante do concepto da Dorna Sara e gabaren tanto os materiais e o proceso construtivo como o seu completo equipamento como embarcación para o ocio, resaltando a integración acadada por Hijos de J. Garrido da última tecnoloxía nun barco de formas clásicas construído no século XXI.


De volta ao Grove

2 de septiembre de 2010

A Sara na III Regata de Clásicos de San Vicente

Os asistentes vendo os barcos antes da saída


A III Concentración de Clásicos, celebrada na Enseada da Lanzada, e organizada polo Club Náutico San Vicente coa colaboración da Asociación de Amigos da Dorna Meca, resultou este ano un éxito que esperemos que se confirme na vindeira edición na que non deberían fallar barcos coma o Industrial ou o Cortegada que, daquela, xa estarán, seguramente, completamente armados.


A Sara entre o Evangelina e A Nova Jorita


Na regata os da Sara O erramos na estratexia: quixemos saír á busca de vento cara ó Oeste e perdemos un tempo extraordinario, mentres as outras embarcacións ían de empopada cara ó Camouco. Cando chegamos ó faro so quedaban detrás de nós o Evanxelina de Rianxo, o Garabullo de Viveiro e o Nordik. Dende a Faxilda intentamos alcanzar ó Naia, despois elixido o máis fermoso polos participantes, pero non fomos quen.


O Naia coa Airexa de fondo


Á nosa falla de pericia xuntouse que os ventos eran absolutamente febles, 2, 3, 4, 5 e, como moito, 6 nós, de xeito permanente, e penso que a Sara O precisa de mais vento para render ben. Pero o que interesa foi que se ofreceu un espectáculo moi interesante nas augas da Lanzada, onde as praias do Xeixeliño, Area da Crus, Paxareiros e Lanzada foron unhas tribunas privilexiadas para observar a regata.


Un galeón, un snipe e un Camper&Nicholson, exemplo de variedade da regata


A organización ten pensado, para o vindeiro ano, organizar un concurso de fotografía para a xente que estea nesas praias, que remitirá as fotos por vía electrónica e darase o premio coincidindo coa entrega de trofeos da regata.

En resumo: imos aprendendo a facer navegar á Sara.


Foto de familia cos premiados

27 de julio de 2010

Navegando entre galeóns

O vento nordés con refachos de ata 25 nós da mañá do 24 de xullo, non parecía propicio para a Concentración, pero alá saímos cara a Vilanova polo Oeste da Illa de Arousa. Hora e media e entramos no porto pesqueiro de Vilanova que hai que aprender a coñecer, polos lombos de area. Un espectáculo importante: O Industrial era o centro de atención, coas autoridades a bordo. Pero estaban case que todos os demais: Nova Jorita, Evangelina, Luisa, O Silma, Nuevo Sofía...un espectáculo interesantísimo; nunha crónica periodística escribiron que os turistas esgotaban a capacidade das súas cámaras e foi verdade. Con bastante puntualidade a flota deixou o abrigo de Vilanova e puxeron rumbo a Catoira, de novo a motor polo vento de proa, non sendo o Silma e o Novo Sofía que fixeron un bordo cara a Rianxo e ergueron velas dúas ou tres millas ata Cortegada. Dende alí, co barco viquingo guiándonos polos lombos do Ulla, chegamos a Catoira, onde había preparada unha especie de romaría e onde coincidimos cos ensaios do asalto viquingo e ata con walkirias a cabalo. A volta converteuse nunha festa da vela con tódolos barcos con ventos pola aleta, pola popa... un espectáculo fantástico. O día rematou en Vilanova nunha cea na que entregaren un agasallo a cada barco participante.

22 de julio de 2010

Navegación nunha tarde de norte

A Dorna Sara sigue a navegar, cando está preto o aniversario da botadura o pasado sabado houbo saída pola ría, co foque pequeno, que xa era suficiente para o abundante vento, a bordo ía Eusebio Lázara, un director teatral orixinario de Cartagena, e un redactor de La Voz de Galicia, que publicou unha reportaxe con un titular que non foi do mais acertado.

Pica na imaxe para ver a reportaxe

30 de mayo de 2010

Seguimos a navegar

A pesar de que esta web leve algún tempo inactiva a actividade da dorna Sara é continua, desde hai varios meses as navegacións semanais son practicamente continuas, saídas para disfrutar da navegación a vela, con ventos frescos que puxeron a proba o gran potencial da embarcación.



Nesta entrada podedes ver unhas fotografías de algunha das travesías da dorna Sara, que agora amarra en San Vicente.


De volta, saído do porto de Ribeira
A dorna Sara amarrada ao peirao da Illa de Ons

Chegando á Pobra do Caramiñal, onde estaba o Bermeotarrak IV

Hoxe mesmo en Cíes