20 de septiembre de 2012

El Corte Inglés Master Cup, Sanxenxo 2012


 Os pasados  15 e 16 de setembro de 2012 o Real Club Náutico de Sanxenxo dou cabida á clase de Clásicos dentro da organización do Máster El Corte Inglés e da Copa de España de catamaráns. Acudiron sete barcos de Agabace: Miña Miniña, Zorba, Sara O, Zara of Arram, Ayala, Papaleisson e Nocturne.


 A primeira xornada, cumprindo os prognósticos foi de pouco vento pero permitiu dar unha dobre volta entre Silgar e Morrazán. En tempo real o primeiro foi o Nocturne, inalcanzable, con vinte minutos de vantaxe sobre o Zorba, que chegou seguido do Miña Miniña e da Sara O. A aplicación do tempo compensado derivado do rating JCH colocou a Sara O en segundo lugar xa que o Zorba ten que darlle 7,4 minutos por hora e o Miña Miniña 5,7 minutos por hora.

A segunda xornada o vento foi a menos e non se puido dar a saída ata as tres da tarde con hora límite nas 17 h. Repetiuse o mesmo circuíto, Silgar- Morrazán, pero só foron quen de completar as dúas voltas en tempo o Nocturne e o Miña Miniña, xusto no tempo límite que a organización non ampliou. A Sara O chegou ás 17 horas e 9 minutos e computou como non finalizada, o que a levou ó terceiro chanzo do podio, que, así, foi un calco do de 2011 nesta mesma regata: Nocturne, Miña Miniña e Sara O.

 Espectacular imaxe do Miña Miniña

 Papaleisson e Ayala



Zara of Arran e Sara O

12 de septiembre de 2012

XXVII Regata Príncipe de Asturias


Os días 7,8 e 9 de setembro de 2012 celebrouse a XXVII Regata Príncipe de Asturias coorganizada polos Monte Real Club de Iates de Baiona e a Escola Naval de Marín , en augas da Ría de Vigo, e na que houbo unha sección de Clásicos que se correu coas regras de Agabace e o sistema JCH. Destacou a participación da Flota do Grove como a mais numerosa entre os doce clásicos participantes: Ayala, de Paco Padín, Papaleisson, de Javier Alfonso e o Miña Miniña de Fabián Garrido e o Sara O que se encontraren nas augas de Baiona cos Nocturne, Pingüino Uno, Aguete, Arosa, Cassandra ou Giralda. Os pronósticos de vento parecía que ían estar errados cando o venres, cara ás 11 da mañá, ventos térmicos de entre 25 e 30 nos sorprenderen aos barcos a carón das Cíes. Ata a hora da saída mantivéronse uns 12-15 nos, que, pouca a pouco foron baixando en intensidade mentres a flota saído das Estelas, navegaba ata Toralla, Cangas e Cabo Home. A organización tivo que refacer o recorrido e acurtala tirada ata a baliza de Subrido, á altura de Cabo Home. Chegaron dentro do tempo límite, nesta orde: Pingüino Uno, Nocturne e Sara O. O Cassandra tivo a posibilidade de entrar pero a corrente non lle permitiu cruzar entre o barco do comité e a baliza, quedándose a uns 30 metros de cruzala liña, impotente, coa corrente en contra e sen vento.


Na xornada seguinte deuse a saída cuns 6 nos que, pouco a pouco, foren escaseando, ata que, cando o Pingüino Uno, logo de pasalas Cíes e virar en Subrido, estaba a piques de alcanzar Toralla, seguido polo Nocturne a algunha distancia, co Aguete, Cassandra e Sara O a continuación, e cando xa lle tiñamos gañado o barlovento ao barco da Armada e ao dos irmáns Pazó, a unha milla de Toralla, e co resto da flota en cabo Home, a organización decidiu suspendela regata. O último día, tamén pola ausencia de vento, a organización decidiu anulala regata.
Valeron, pois, os postos do primeiro día para conformala clasificación dos Clásicos.
Nesta ocasión a tripulación do Sara O, amais do patrón estivo formada por Luís Tourón e o patrón o primeiro día acompañados por Nacho Tourón e Javier Portela no resto das xornadas.

22 de agosto de 2012

V Concentración de Barcos clásicos e de época de San Vicente - O Grove 2012


Rematou con gran éxito de participación e organización a quinta edición da Concentración de Barcos clásicos e de época de San Vicente que organizou o grovense Club Náutico San Vicente do Mar co patrocinio da firma de automóbiles Louzao e onde colaboraron tamén o Concello do Grove, Deputación de Pontevedra, a Asociación Galega de Barcos Clásicos e de Época, O Corte Inglés, Roberto Joyero, Frinsa, Leyma, adegas Pazo de Fefiñans, restauración Castro Rodiño, Hotel Abeiras e Hotel Spa Atlántico.

VER VIDEO TVG1
VER VIDEO TVG2
VER VIDEO TVG3
 

 Zara of Arranz

Condicións moi parecidas as que houbo na xornada final e as do día anterior, con ventos do Sur-Suroeste que portaron unha media de 12 nós de intensidade e acougando case ao final. Pero ao contrario que o sábado, o día estivo bastante anubado e mesmo houbo un pequeno orballo ao principio da xornada. Percorrido de 14,2 millas con saída fronte a Pedras Negras para ir en longo até unha baliza fronte á praia da Lanzada, daquela un través até unha baliza no sur de Sálvora, para baixar noutro través até o faro de Picamillo, e regresando novamente á baliza da Lanzada en popa cun ataque final en través orzado até a chegada fronte ao porto de Pedras Negras. O  "AGUETE" non tivo o dominio en real como na xornada anterior, xa que o "ZORBA" tomou o mando desde o principio sen deixalo a pesar dos embites finais do barco da Comisión Naval que non podo entón repetir o triunfo sabatino e perdendo ademais a xeral a pesar de quedar empatado a puntos.

 Stoltera

Non os abandonou en ningún momento o “MIÑA MINIÑA”, que entrou terceiro en meta nas dúas probas celebradas esta fin de semana. Entre os de menor eslora volveu gañar con autoridade o "AROUSA X", sendo segundo esta vez o "SARA O" e terceiro "ZARA OF ARRAN". A clasificación xeral final dos primeiros clasificados de ambas as clases aplicados os hándicaps respectivos, foron os seguintes:

 Catamarán Lecer

Clase ONS :

1º) ZORBA (Laurent Giles 17.5), de José Garrido, Club Agabace, 3 puntos

2º) AGUETE (Formosa 51), José Lusi Guitart, CNR de Marín, 3 puntos

3º) CASSANDRA (Hillyard 36), de Francisco Pazó, CN Portonovo, 7 puntos

4º) MIÑA MINIÑA (Tayana 37), de Fabián Garrido, Club Agabace, con 7 puntos

5º) ADAXE CATRO (Sloop Van de Stat), de Alejandro Díaz, CN Vilanova, 11 pts


 Vista xeral no primeiro bordo do sábado

Clase SÁLVORA:

1º) AROSA IX (Tofinou 7) de Luís Tourón, Real Club Náutico de Palma, 2 puntos

2º) ZARA OF ARRANZ(Clyde one design) de Leopoldo Pita de Club Agabace, 5 p.

3º) SARA O (Dorna tope Lecer) de Xosé Avelino Ochoa, CNS Vicente, 6 puntos


4º) PAPALEISON (Nantucket Clipper) de Javier Otero, Club Agabace, 10 puntos


 Stoltera

 Sara O

 Adaxe IV

 Arosa IX

Ayala e Zorba

27 de julio de 2012

Trofeo Casino A Toxa: "Sara O", primeira en Clásicos


 
Os días 21 e 22 celebrouse a X edición do Trofeo Casino da Toxa organizado polo Club Náutico de Portonovo coa colaboración do Club Náutico San Vicente.
O 21 cunha tirada entre Portonovo e San Vicente, nunha xornada de sol e vento, que tardou en aparecer, facendo que se demorase a saída dúas horas ata case as tres da tarde, que foi cando se entablou  un Noroeste  estable duns 12 nós. Os ORC fixeron Mourisca, Camouco, Picamillo e san Vicente. Os primeiros en chegar a Pedras Negras foron Oral Group, Sebrala e Maral . 

 
 
Cassandra e a súa tripulación no CN San Vicente

Os Clásicos fixemos un recorrido costeiro  de sete millas que liderou o Cassandra de Fernando Pazó con cinco minutos en tempo compensado sobre o Sara O.  A clasificación quedou así :
1. Cassandra (Fernado Pazó / AGABACE), 1 puntos
2. Sara O (Xosé Avelino Ochoa / C.N. San Vicente do Mar), 2 puntos
3. Papaleisson (Javier Francisco Otero / AGABACE), 3 puntos


Papaleisson

En San Vicente o xerente do Casino e os presidentes dos Clubs fixeron entrega de trofeos aos primeiros clasificados e o Club Náutico ofreceu unha moi concurrida cea mariñeira.

 
O 22 aí polas 12 a flota puxo rumbo a Portonovo. O Comité de Regatas dou a saída con ventos do Noroeste de oito nós co liña de saída estaba situada nas inmediacións da Lanzada. Os Clásicos fixemos Picamillo, Camouco, Mourisca e Portonovo. O Sara O, que chegou con so catro minutos de diferencia co cassandra adxudicouse o primeiro posto  nesta regata e o da xeneral, co "Papaleisson" de Javier Alfonso Otero de terceiro . Así foi que houbo un empate a tres puntos entre Cassandra e Sara O e a balanza decantouse a favor da tripulación do "Sara O" (Gerardo Iglesias, Javier Portela, Polo Ivorra e X.A.Ochoa), por seren primeiros na última proba. O Cassandra de Fernando e Javier Pazó colocouse na segunda praza, completando o podio a embarcación de Javier Alfonso Otero.

 
 
Os vencedores desta décima edición do Trofeo Casino A Toxa recolleren os seus premios nun acto celebrado no C.N. Portonovo

Clasificación ORC Regata. Trofeo Casino A Toxa
1. Oral Group (Pedro Pazos / CN Portosín), 5 puntos
3. Enxuto (Pablo Conde / C.N Combarro), 5 puntos
2. Ziralla Primero (Ramón Barreiro / C.N. Barraña - Boiro), 5 puntos

Clasificación ORC Cruceiro. Trofeo Casino A Toxa
1. Argos (Manuel Rey / C.N. Rianxo), 3 puntos
2. Sebrala 2 (Alfredo Froiz / R.C.N. Sanxenxo), 3 puntos
3. Piko Norte (José Manuel Castro / R.C.N. Coruña), 7 puntos

Clasificación ORC Open. Trofeo Casino A Toxa
1. Maral III (Roberto de la Puente / C.N. Portonovo), 3 puntos
2. Troscado (Natalia Velázquez / R.C.M. Aguete), 4 puntos
3. Tayta (Francisco Martínez / C.N. Portonovo), 6 puntos

Clasificación Clásicos. Trofeo Casino A Toxa
1. Sara O (Xosé Avelino Ochoa / C.N. San Vicente do Mar), 3 puntos
2. Cassandra (Fernado Pazó / AGABACE), 3 puntos
3. Papaleisson (Javier Alfonso Otero / AGABACE), 6 puntos