22 de mayo de 2012

Podium na XVI Regata Almirante Rodríguez Toubes




Vaise cumprindo o Calendario de Agabace (www.agabace.org) e cada vez imos coñecendo mellor o barco. Os días 19 e 20 participamos na XVI Regata Almirante Rodríguez Toubes cunha primeira tirada entre Marín e Vilagarcía e unha segunda entre a vila da ría de Arousa e a vila da ría de Pontevedra. No primeiro día houbo ventos da travesía sostidos que obrigaren a unha cinguida ata San Vicente e que nos favoreceren para chegar dende alí a Vilagarcía. En tempo compensado o Sara O (8.40 m. de eslora) fixo terceiro, por detrás do Arosa, da Armada, (22.96 m. de eslora), e o Cassandra, dos irmáns Pazó, (10.98 m. de eslora). Coma sempre o tramo mais complicado estivo entre Ons e Sálvora pola altura das ondas e a forza do vento que, precisamente, serviu de axuda en canto o puidemos coller pola aleta para manternos entre 6 e 7 nos ata ben pasada a Illa de Arousa, despois da que optamos por navegar entre as bateas do Sur da Ría pola forza da corrente e a diminución da intensidade do vento.


Fotografía: Desmarque.es

En Vilagarcía recibíronos as autoridades na sede do Real Club de Regatas de Galicia que conmemoraba o centenario desta regata –claro está con diversos nomes- e onde o Presidente deste Club –tan tradicionalmente decorado- anunciou que para o vindeiro ano pretende organizar unha Semana Náutica, para conmemorar a primeira Semana Náutica que se fixo naquelas augas por primeira vez en España e, ademais, lembrando tamén a unión de Vilaxoán, Vilagarcía e Carril. O Alcalde de Vilagarcía anunciou a súa intención de axudar no evento. Coma sempre, o Comandante da Escola Naval de Marín fixo un discurso modélico. A segunda etapa foi unha secuencia de encalmada, que dilatou a saída hora e media, refachos de ata vintecinco nós, forza 6, entre Mesos e Faxilda e ondas de mais de dous metros dende Pombeiro a Picamillo. De Vilagarcía ata pasada Rúa fomos detrás do Arosa e diante do Aguete e Cassandra en tempo real. O comandante do Aguete confesou que se viu obrigado a largalo gennaker para adiantarnos e, efectivamente, así ocorreu: foinos deixando pola súa popa dende alí ata Marín e, ademais, adiantou ó Arosa, ao tronzarlle a este o spi. O Cassandra, coa forza do vento, non sacou o gennaker ata rematalo bordo que fixo para librar Faxilda –nós navegamos Ons - Marín, en popa, grazas á habilidade de Gerardo Iglesias ao temón-. Armado o Cassandra con esa vela dianteira foinos ganando mar inexorablemente, ás veces emborcando auga polo puxame daquel inmenso pano azul, pero non foi quen de adiantarnos ata uns cen metros da liña de chegada. O resultado foi, en tempos compensados, que quedamos segundos cunha perda de tres minutos co Aguete (un Formosa 51, 16,82 m. de eslora) comandado por José Luis Guitart, que se fixo tamén coa clasificación xeral por este primeiro posto. O Cassandra (Hillyard 36) perdeu mais de dezaséis minutos connosco, en tempo compensado, e pechou a clasificación o Arosa (Goleta Mayline) a vintetrés minutos do primeiro. A entrega de trofeos celebrouse no Salón do Casino da Escola Naval coas intervencións do vicealmirante Rodríguez Toubes que anunciou que vai selo responsable da División de Regatas da Armada e pechou, de novo admirablemente, o Comandante da Escola Naval, Marcial Gamboa que, con emoción contida, sinalou que nuns meses cambiará de destino. A clasificación dos Clásicos dou un empate a cinco puntos entre o Aguete (4+1), de José Luis Guitart –Escola Naval-, , o Arosa (1+4), de Gerardo González-Cela –Escola Naval-, o Sara O (3+2) –Agabace/CN S.Vicente)- e o Cassandra (2+3) –Agabace/CN S. Vicente-, que se resolveu nesta orde dando preferencia aos postos e á ultima etapa.